martes, 24 de mayo de 2011

PARTE SALMONEIRO


Segue avanzando a tempada salmoneira, e seguen entrando (e saíndo) salmóns nos ríos galegos e asturianos. De Cantabria e o País Vasco non teño datos concretos, pero tamén por esas terras o comezo da tempada fora moi esperanzador.

CAPTURAS DE SALMÓN NOS RÍOS ASTURIANOS (23 de maio):
            EO        ESVA      NARCEA     NALÓN    SELLA     CARES
2011     40           22           86              1           145         80
2010      8             3            12               0            29         18

As capturas de salmón nos ríos asturianos, como se pode ver na táboa, incrementáronse en máis dun 500% con respecto á mesma data do ano anterior que, recordemos, foi o peor ano da historia en canto a capturas se refire. O Sella vai en cabeza destacado con 145, seguido por Narcea e Cares, en continua disputa polo segundo posto. O galego-astur Eo leva 40, que están moi ben, sobre todo tendo en conta que algún dos mellores cotos están vedados (Piago Mayor) ou sen morte (Louredal), onde as capturas conseguidas non se contabilizan nas estadísticas. Total: 374 salmóns oficialmente precintados nos ríos asturianos. Ademáis, o peso medio das capturas está sendo máis que aceptable.

Salmonazo de 9,100 kg pescado no río Sella

Esperamos que sigan entrando estes salmonazos, e que moitos destes magníficos reproductores poidan deixar descendencia, e así poder ter algún día a oportunidade de pescar algún destes formidables peixes.
Por desgracia, en Galicia non é tan doado consegui-los datos de capturas coma en Asturias, aquí publícanas na Xunta cando lles da a gana, normalmente cada unha ou dúas semanas. Na seguinte cadro aparecen as capturas a día 23:
CAPTURAS DE SALMÓN NOS RÍOS GALEGOS (23 de maio):
                     EO     ULLA    MASMA   LÉREZ     MANDEO    MIÑO   
CAPTURAS     40       33          7            4             4                2
CUPO             -         35         15           8             5                5

O Ulla, con 33 salmóns precintados (21 en Ximonde e 12 en Sinde), está cumplindo coas expectativas , e o río está a piques de convertirse en “sen morte” para o salmón, pois somentes faltan dous para completa-lo cupo establecido de 35 salmóns.

Coto de Ximonde, río Ulla

No Eo están destacando os lotes 2 e 3 da Pontenova, con 12 e 9 salmóns respectivamente, seguidos dos cotos da Pena e a Volta (lotes 1 e 4 de San Tirso), con 7 e 5 salmóns respectivamente, sendo estes dous últimos cotos de titularidade exclusivamente asturiana.
Lote 2 da Pontenova, río Eo

No Mandeo sei de boa tinta que chegou este sábado un de Vegadeo e, sabedor de que en Chelo e na Insua non valía a pena mallar logo da nosa visita (jeje), decidiu mete-la quisquilla no pozo de Agustín, conseguindo así a picada do cuarto salmón do Mandeo 2011, que daría na báscula 4,900 kg.

4º salmón do Mandeo, de 4,900 kg. 
O curioso é que este mesmo pescador xa botara a terra o cuarto salmón do Lérez, ¡o día anterior! Vamos, uns fenómenos estes asturianos. E os daquí queixándonos de que hai pouca auga…
No Miño un par de salmóns no coto de Frieira, lástima non saber cántos se collen co trasmallo nos tramos internacionais (arte legal alí), que seguramente serán moitos máis…
Tampouco está mal este ano o Masma, que a pesar de ser un río máis tardío, ahí están eses 7 salmóns no coto de Celeiro, repartidos así: 3 salmóns no lote 1, outros 3 no lote 3, e 1 salmón no lote 2.
Así pois, é bastante probable que neste mes de maio se completen os cupos establecidos en case tódolos ríos galegos, coa excepción do coto de Salmeán no río Eo, onde aínda non se pescou ningún dos 10 salmóns permitidos.
Se algún dos que ledes estas liñas tedes permiso para tentar ó salmón estes días, desde aquí desexámosvos moita sorte e que sexades quen de sacar un destes formidables animais, e de ser así, facédenolo saber, para felicitarvos como é debido.

sábado, 21 de mayo de 2011

¿POR QUÉ NON PICAN OS SALMÓNS DO MANDEO?


Este ano o Mandeo arrancou ben, colléronse tres salmóns na primeira semana de pesca, e iso facía tempo que non pasaba. O novo contador instalado na escala da presa disque xa funciona, e os gardas comentan que hai salmonada... Pero estes días, aínda coincidindo con mareas moi boas, non se colleu nada.  ¿Por qué? Pois aquí téde-la resposta:
Este sábado fomos a tropa para alá, e de tanto que mallamos todo o día en Chelo (e en menor medida na Insua), penso que se había algún salmón por alí xa quedaría  espantado  para o que resta de tempada, jeje… Ahí van as probas do delito:

A “piscina” de Chelo, coma sempre, moi concorrida

Un lucense espantando todo… jeje
Mallando a cebo no cabeceiro de Chelo

"Sol e sombra" (quisquilla viva con miñocas)
 
E veña a mallar…

Coma sempre, un dos mellores momentos do día…

A continuación,  vouvos amosar o noso lance máis repetido cando “pescamos” salmón a cebo, ahí vai a secuencia completa:

Pousando a quisquilla na tona da auga
Non pode ser… ¿xa enganchou?
Parece que sí…
¡Merdaaaaaaaaaaaa!
Resignación, outra vez a romper e montar de novo, puffff!

Así que xa sabedes: se ides ó Mandeo e mallades en Chelo e na Insua a dolor, e non bos pica nada de nada, que non vos conten milongas de que se vai o río moi baixo, se é que tiña que chover, se é que a lúa cadra mal… a verdadeira razón é que pasamos nós por alí, e cando nos poñemos a mallar somos peores que o cabalo de Atila. Avisados estades...

martes, 10 de mayo de 2011

A FALTA DE SALMÓN… ¡REAZO E TROITÓN!


Este fin de semana tocounos probar sorte co salmón. O escenario que nos deparou o sorteo este ano foi o lote 5 do coto de Abres, máis coñecido coma Louside na beira asturiana, o único acotado do río Eo no que quedaban permisos libres cando nos tocou pedir.
Chegamos ó río preto das oito da mañá, logo de dar unhas voltas ata atopa-lo límite entre os lotes 5 e 6 (Louside e Reiboa).  A sinalización dos tramos desde a estrada nacional é prácticamente nula, a excepción dos lotes de San Tirso pola beira asturiana, os cales están perfectamente sinalizados.
Cando chegamos a pé de río, a espesa néboa que nos acompañara durante a viaxe comezaba a levantar, a temperatura era boa e ameazaba con chover. Día raro, podía pasar calquera cousa…
Ás 8:00 din que pica o salmón, apresa a poñe-lo cucharillón!

Decidín face-los primeiros lances nesta corrente pouco fonda, por debaixo do pozo Reiboa, para estrea-la cana que acababa de adquirir, unha Abu Tournament Spin de 2,70 m e acción 15-45 gr, e irme afacendo a ela antes de probar sorte nun lance con mellor pinta salmoneira.


Ó segundo lance entrou esta troita, que non dubidou en ataca-lo cucharillón:

Seguín lanzando no mesmo sitio, a ver se hai máis… De repente, a cucharilla párase en seco, eu clavo, e sinto ó outro lado da liña un peixe de tamaño respetable que loita por quedarse pegado ás pedras do fondo. Moi pequeño para ser un salmón, moi grande para ser una troita, nada plateado para ser un reo… ¿será un zancado (pensei)...?
Logo dunha breve batalla, o peixe sucumbe ante a poderosa cana e o stradic 5000, armado con sedal do 0,30. Aproveitando que estaba nunha pequeña praia, saco o bicho a rastro e comprobo xunto a A-Moscón que se trata dunha troita, cousa que me alegra bastante:
Troitón que deu na báscula 1,050 kg

Eran as 8:30 h e xa estaba satisfeito, pagara a pena o madrugón e a viaxe. Ademáis, a sensación era de que estaba un día de pesca moi bo, e se había algún salmón por alí podería picar… Continuamos mallando despaciño tódalas posturas cara o límite inferior do coto, que en total ten só 600 metros de lonxitude.
Cando xa estabamos de volta, preto do mediodía, escóitanse una serie de berridos tipo: EEEEEEEH, EEEEEEEEEEEEEH, EEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEH!!!!!!!!!! e acto seguido outro máis intelixible: SACADERAAAAAA!!!!!!! Era Rooscoman, tiña un labanco enganchado, seguramente un salmón…
Eu tiro a cana e corro cara alí, cando chego xa está A-Moscón coa sacadeira nas mans, pero non o ten nada claro e pídeme que sexa eu o que lle meta a sacadeira ó peixe. Eu négome e torpemente busco a cámara no chaleco, mentres intento identifica-la silueta do labanco que se remexe na auga. Apenas consigo velo con claridade, pero calcúlolle sobre tres kilos, non é una troita… ¡ten que ser un salmón!

Pescador e gancheiro compenetráronse ben, e conseguiron botar a terra este fantástico exemplar de REO, que finalmente daría na báscula 2,300 kg.

 Foi una alegría para todos, xa que é o reo máis grande que colleramos nunca. Ademáis, A-Moscón quitouse una espiña que tiña clavada desde fai bastantes anos, desde un día no que non foi quen de botar a terra outro gran reo clavado por Rooscoman, iso si, aquel día non tiña sacadeira, e desta volta iamos preparados, jeje…

Así acabou a mañá. Logo de xantar e tras un chaparrón, preparámolas canas de cebo. Só nos faltaba o salmón, e se había algún tiñamos que sacalo.
A cebo en Reiboa

Rico, rico...

A cebo no pozo Louside

Pero non o había. De feito, ainda que a nós os pozos nos parecían bastante guapos, parece ser que ós salmóns non lles gustan tanto, e pasan por este coto sen parar nin a tomarse algo… O único que saiu pola tarde foi esta troita, outra vez co cucharillón:

Ó remata-la xornada fomos ó centro de precintaxe de Salmeán, onde nos enteramos que se colleran 5 salmóns no río, 3 deles no lote 2 da Pontenova (o cupo). Dase a casualidade que nós pescamos ese coto o ano pasado en maio (houbo potra no sorteo), e daquela case non había un puto salmón no río… manda carallo! Cando hai bo número no sorteo non hai salmón, e cando hai, non hai número… en fin, qué se lle vai facer. De tódolos xeitos, esta xornada foi sorprendentemente boa, nunca se sabe o que pode pasar nun destes cotos presuntamente “malos”…

lunes, 2 de mayo de 2011

SALMONADA EN ASTURIAS

Como estou canso de irlles contando ós colegas un a un as crónicas salmoneiras, vou tratar de ilas resumindo aquí no blog e que cada un que as vaia mirando se quere.

O arranque da tempada foi moitísimo mellor que o do ano pasado en Asturias, sendo una auténtica festa no río Sella, onde se conseguiron poñer en táboa 30 salmóns, a gran maioría deles en pozos libres. Seguiulle o Cares con 14, o Narcea con 12, o Eo con 3 e, finalmente, o Esva-Caneru con 1 salmón.
Ponte de Quinzanas, río Narcea

Un total de 60 salmóns precintados no primeiro día de pesca con morte no Principado, que auguran una boa campaña, ou polo menos moito mellor que as dúas últimas.
Ponte romana sobre o Río Sella, un dos lances máis fructíferos na primeira xornada en Asturias

Non é casualidade que os tres peixes precintados no Eo saíran do coto La Pena (Lote 1 de Abres), pois ahí pescou o formidable pescador de Ribadesella J.M. Mori Cuesta, coñecido como “El Marqués”, un dos habituais aspirantes a pichichi da tempada. Está claro que o que sabe, sabe... Seguro que se tivera La Volta (Lote 4 de San Tirso) ou outro coto bo pescaba tamén, un fenómeno vaia…
Río Eo, ó seu paso pola Pontenova

Parece ser que en Louredal (Lote 3 de San Tirso) saíron tres salmóns e foron devoltos á auga, pois este ano ese espléndido coto volve a estar reservado para a pesca sen norte. Parece que no Eo hai movemento, e nós iremos para alá este sábado, lástima que teñamos un dos peores cotos do río (ou polo menos o que non quixo ninguén): o Lote 5 de Abres, tamén coñecido coma  “Louside”.
Case tódalas capturas foron conseguidas a cebo natural
En Galicia de momento poucas noticias. A máis salientable é que saíu o campano do Mandeo, coma case sempre “sen querer”, ou sexa a rapala a última hora, indo ós reos supoño… Sexa como fora, un formidable peixe de 6,600 kg, así que noraboa ó afortunado pescador.
O máis sorprendente é que non saíra ningún salmón no río Ulla, especialmente no coto de Ximonde, onde xa debería de haber un bo piño de salmóns… Pode que sexa que estea o río impescable, como una vez que nos tocou pescalo, que baixaban continuamente unhas algas-moco verdes que enganchaban nos cebos e impedían que traballaran. E estando así xa pode haber moito salmón, que aínda así pescalo é misión case imposible. Espero que sexa iso, porque senón hai salmóns no Ulla, no resto de Galicia estamos fodidos…
Coto de Ximonde, río Ulla

Ós que vos interese seguir a evolución das capturas nos ríos asturianos, podédelo facer diariamente na páxina da Real Asociación Asturiana de Pesca Fluvial:

domingo, 1 de mayo de 2011

CAMPANU DE ASTURIAS 2011


Nada máis abrirse a tempada de pesca de salmón en Asturias, concretamente ás 6:55 h, saiu o Campanu, o primeiro salmón da tempada. Foi capturado nas augas do río Narcea polo pescador Alberto Fernández, a cucharilla, no pozo coñecido como "La Ortona", no coto El Desastre.

O espléndido exemplar, que deu 5,800 kg na báscula, foi subastado como é costume no mosteiro de Cornellana, sendo este o momento estelar da feira do salmón que tradicionalmente se celebra ó comezo da tempada. O gañador da subasta foi o propietario da empresa galega de montaxes ODL, Juan José Castaño (xa ten nome de coto salmoneiro, jeje), quen pagou 6.000 € polo preciado campanu.

Desde aquí enviámoslle as nosas felicitacións ó afortunado pescador, e porqué non, tamén ó comprador, que supoñemos degustará tan exquisito bocado.