martes, 28 de junio de 2011

PRIMEIROS REOS


Coma sempre por estas datas, os reos comezan a remonta-los nosos ríos con certa regularidade, aínda que este ano a ausencia de chuvias está pasando factura, e os cauces non teñen esa “chamada” que incita ás grandes entradas de reos. Aínda así, a contagotas vai entrando algún que outro reo, e alí estamos nós para mallar a dolor…

Madrugón dos bos, ás 5:50 h a pe de río en Ribeiras do Sor, marea das gordas e pleamar a esa hora. Amarro o Sor classic, fago cinco ou seis lances e cambio a rapala, demasiada luz para o risco… coma case sempre. Ó pouco de empezar co rapala sinto un toque seco, de reo seguro, pero non enganchou. Corazón acelerado, e seguín mallando ben co rapala os primeiros pozos, pero o único que saiu foi un reo enano, duns 25 cm.
O día non pintaba nada ben, o río baixa case seco, como nun agosto dun ano normal, e as pedras do fondo están todas cubertas de limo. Cada vez que o señuelo roza una pedra queda sucio e non traballa, e así é desesperante pescar.
As pedras do Sor non son desta cor...


O escaso caudal case obriga a meter cucharilla pequena, pero iso incita demasiado ás pequenas troitiñas que abundan no Sor, e persoalmente prefiro ser máis selectivo.
¿Non tiña por aquí unha ranger do 0?


Logo de cinco horas mallando, sen máis recompensa que algunas troitas cativas, decidín dar volta e ir baixando cara o coche, facendo algún que outro lance polo camiño, pero bastante desanimado xa.
Nunha destas, nunha postura que acababa de pescar facía escasamente unha hora, un reo perseguiu o meu rapala countdown de 5 cm e atacouno violentamente, dando comezo unha pelexa na que se defendeu con bravura, saltando ata catro veces fóra da auga para tratar de desprenderse do triple que o tiña prendido. Finalmente acabou na sacadeira, e logo de comprobar que daba a talla (37 cm) foi pra o cesto.

Finalmente a sorte púxose do meu lado, non é nada frecuente pescar un reo nestas condicións, co río tan baixo e a pleno sol, así que xa podía dar a xornada por boa.
Neste precioso pozo outro reo de tamaño similar perseguiu o rapala, pero a dous metros da beira deu volta (supoño que se daría conta da miña presencia), que é o que soe pasar… Atención ó alcolito que medrou  na rocha da outra beira, una estampa curiosa que se pode ver en varios sitios deste río:
Pozo do Coutado
Aproveitando que enganchei na outra beira, crucei e saqueille esta foto á base do alcolito (Eucalyptus globulus), duns catro metros de altura, e o máis sorprendente, un pequeño carballo (Quercus robur) competindo co alcolito polo escaso sustrato, ¡manda carallo!

Medrando directamente da pedra

Os paseos polo Sor xa non son tan agradables como antes, nalgunhas zonas o camiño faise difícil, debido en parte á proliferación da Acacia melanoxylon, una auténtica plaga no río Sor desde fai uns cantos anos, e que vai a máis cada ano. Dentro de pouco non se vai poder nin andar, cómo se bota de menos ós anteriores gardarríos Rambo (agora no Xuvia) e Donato (xubilado), que se preocupaban de te-lo río practicable.
¿Onde está o camiño?

Unha cousa curiosa desta especie de acacias é que presenta dimorfismo foliar, ou sexa que ten follas de dous tipos diferentes:
Exemplar novo de Acacia melanoxylon, unha puta plaga
Despois deste rollo botánico imos ó que importa. Roscoman e A-Moscón chegaron a tempo para riscar un pouco á noitiña, e non nos foi mal de todo. A-Moscón e colleu un co rapala e eu collín outro co risco, comprobando así a efectividade do modelo “Sor classic”. Roscoman non colleu nada, porque el só pilla labancos, e deses non había ningún…
Pero diso non hai fotos, porque a esa hora non hai tempo que perder, e ademais co flash pódese espantar todo.
Resumindo: tivemos bastante sorte, hai poucos reos, río baixo e feo para pescar… pero aínda así ímoslle mallar duro nos próximos días, eche o que ten esta enfermidade...
O primeiro de A-Moscón

Moita sorte a tódolos “enfermos” que o intentedes próximamente, e se tedes ocasión e os gardas volo permiten, guiade as capturas e así entretémonos coas estadísticas.

miércoles, 15 de junio de 2011

REO ATACADO POR REO ¡¡¡INCRIBLE!!!


Déixovos un relato ACOJONANTE que me acaban de enviar, narrando a captura do primeiro reo oficialmente precintado no río Sor neste ano 2011. Moitas gracias a Iago, o pescador que seguro non esquecerá nunca este lance:
Comezamos a pescar a iso das 7.30 da mañan na ponte de ribeiras donde comeza o coto. Nas primeiras lanzadas que fixemos eu mailo meu compañeiro quitamos varias troitas e algunha mui cerca da talla non so "mecheros" coma de costumbre no Sor jejej. Seguimos pescando, eu adianteime un pouco mentras co meu compañeiro quedou vareando as primeiras corrientes que hai o subir. Eu chegei xusto donde comeza a pista pra ir ata o telesilla vareando  sen presa todas as corrientes que me atopaba. Nun destes lanzes clavei un reo pequeno duns 25cm. Xusto despois de soltalo prepareime pra seguir vareando a dolor, agora ainda mais motivado jeje. Lancei xusto na salida dunha pequena corriente que habia na outra beira do rio e que despos comezaba un pequeno pozo tapado por unha pola. Na mais caeu a cucharilla na auga e duas voltas de carrete xa sentin a picada forte e inconfundible dun reo que comezou a pelear e a saltar. Empezei a quitalo da corriente e a chamar polo meu compañeiro pra que me botara unha man e xusto cando pasou o reo polo lado do pequeno pozo saiu un pedazo bicho que comezou a ir detrais do reo que tiña eu enganchado na miña caña!!!!! IMPRESIONANTE!!!! Enganchouno por diante da cola duas veces e tirou del con forza e xusto despois desapareceu hacia a corriente. Eu collin e quitei o reo pra fora do rio e xusto chegou o meu compañeiro, cando vimos as feridas que traia quedamos flipando. Medimos o reo que deu 37cm e pro cesto.
Iago co "campano"

A ver que vos parecen as fotos non sei si se veran moi ben que as quitamos cun movil. Moitas grazas por deixarme contarvos a miña historia. E a seguir asi co blog que esta de puta madre.
Un saudo
Iago. 


Impresionante documento sen dúbida, moitas gracias a Iago por compartir esa experiencia con nós. ¡Agora hai que ir polo grande! Xa sabemos que pica a rapala imitación de reo de 37 cm, a metade do traballo está feito, jejej…

E a todo isto… ¿¿¿non sería una lontra??? E que non o acabo de creer…

jueves, 9 de junio de 2011

Preparados, listos... ¡REO!



Este fin de semana comezaremos “oficialmente” a tempada de reo. Aínda é cedo para ir a eles con posibilidades aceptables de éxito, pero o mono pode demasiado xa, e só por saúde hai que darlle un toque ó reo, non sexa que nos vaia mal…

Reo guapo guapo...


Este sábado tocará madrugar, sobre todo se se quere riscar a primeira hora… Recordémo-los horarios legais para a pesca do reo para tódolos ríos de Galicia:

HORARIOS DE PESCA DE REO EN GALICIA 2011
                                                     Apertura         Peche
Do 1 ó 15 de maio                         6.06              22.53
Do 16 ó 30 de maio                       5.53              23.08
Do 1 ó 15 de xuño                         5.49              23.17
Do 16 ó 30 de xuño                       5.53              23.20
Do 1 ó 15 de xullo                          5.54              23.20
Do 16 ó 31 de xullo                        6.03              23.14
Do 1 ó 15 de agosto                      6.19              22.58
Do 16 ó 31 de agosto                    6.34              22.40
Do 1 ó 15 de setembro                  6.51              22.12
Do 16 ó 30 de setembro                7.06              21.47

Así que este sábado disporemos de 17 horas e 28 minutos para mallar a dolor (case nada), pero a maior parte das esperanzas centraranse nos últimos 10-15 minutos da xornada, nos que sacaremos a probar algún destes riscos que fixemos últimamente:
"Matador". Vai ser tan efectivo que o van acabar prohibindo... jejeje

A este fíxenlle uns flecos coa silicona sobrante

voulle chamar "o indio"...

"Sor classic"...

Por trangallada non será...

¡¡A por eles!!

martes, 24 de mayo de 2011

PARTE SALMONEIRO


Segue avanzando a tempada salmoneira, e seguen entrando (e saíndo) salmóns nos ríos galegos e asturianos. De Cantabria e o País Vasco non teño datos concretos, pero tamén por esas terras o comezo da tempada fora moi esperanzador.

CAPTURAS DE SALMÓN NOS RÍOS ASTURIANOS (23 de maio):
            EO        ESVA      NARCEA     NALÓN    SELLA     CARES
2011     40           22           86              1           145         80
2010      8             3            12               0            29         18

As capturas de salmón nos ríos asturianos, como se pode ver na táboa, incrementáronse en máis dun 500% con respecto á mesma data do ano anterior que, recordemos, foi o peor ano da historia en canto a capturas se refire. O Sella vai en cabeza destacado con 145, seguido por Narcea e Cares, en continua disputa polo segundo posto. O galego-astur Eo leva 40, que están moi ben, sobre todo tendo en conta que algún dos mellores cotos están vedados (Piago Mayor) ou sen morte (Louredal), onde as capturas conseguidas non se contabilizan nas estadísticas. Total: 374 salmóns oficialmente precintados nos ríos asturianos. Ademáis, o peso medio das capturas está sendo máis que aceptable.

Salmonazo de 9,100 kg pescado no río Sella

Esperamos que sigan entrando estes salmonazos, e que moitos destes magníficos reproductores poidan deixar descendencia, e así poder ter algún día a oportunidade de pescar algún destes formidables peixes.
Por desgracia, en Galicia non é tan doado consegui-los datos de capturas coma en Asturias, aquí publícanas na Xunta cando lles da a gana, normalmente cada unha ou dúas semanas. Na seguinte cadro aparecen as capturas a día 23:
CAPTURAS DE SALMÓN NOS RÍOS GALEGOS (23 de maio):
                     EO     ULLA    MASMA   LÉREZ     MANDEO    MIÑO   
CAPTURAS     40       33          7            4             4                2
CUPO             -         35         15           8             5                5

O Ulla, con 33 salmóns precintados (21 en Ximonde e 12 en Sinde), está cumplindo coas expectativas , e o río está a piques de convertirse en “sen morte” para o salmón, pois somentes faltan dous para completa-lo cupo establecido de 35 salmóns.

Coto de Ximonde, río Ulla

No Eo están destacando os lotes 2 e 3 da Pontenova, con 12 e 9 salmóns respectivamente, seguidos dos cotos da Pena e a Volta (lotes 1 e 4 de San Tirso), con 7 e 5 salmóns respectivamente, sendo estes dous últimos cotos de titularidade exclusivamente asturiana.
Lote 2 da Pontenova, río Eo

No Mandeo sei de boa tinta que chegou este sábado un de Vegadeo e, sabedor de que en Chelo e na Insua non valía a pena mallar logo da nosa visita (jeje), decidiu mete-la quisquilla no pozo de Agustín, conseguindo así a picada do cuarto salmón do Mandeo 2011, que daría na báscula 4,900 kg.

4º salmón do Mandeo, de 4,900 kg. 
O curioso é que este mesmo pescador xa botara a terra o cuarto salmón do Lérez, ¡o día anterior! Vamos, uns fenómenos estes asturianos. E os daquí queixándonos de que hai pouca auga…
No Miño un par de salmóns no coto de Frieira, lástima non saber cántos se collen co trasmallo nos tramos internacionais (arte legal alí), que seguramente serán moitos máis…
Tampouco está mal este ano o Masma, que a pesar de ser un río máis tardío, ahí están eses 7 salmóns no coto de Celeiro, repartidos así: 3 salmóns no lote 1, outros 3 no lote 3, e 1 salmón no lote 2.
Así pois, é bastante probable que neste mes de maio se completen os cupos establecidos en case tódolos ríos galegos, coa excepción do coto de Salmeán no río Eo, onde aínda non se pescou ningún dos 10 salmóns permitidos.
Se algún dos que ledes estas liñas tedes permiso para tentar ó salmón estes días, desde aquí desexámosvos moita sorte e que sexades quen de sacar un destes formidables animais, e de ser así, facédenolo saber, para felicitarvos como é debido.

sábado, 21 de mayo de 2011

¿POR QUÉ NON PICAN OS SALMÓNS DO MANDEO?


Este ano o Mandeo arrancou ben, colléronse tres salmóns na primeira semana de pesca, e iso facía tempo que non pasaba. O novo contador instalado na escala da presa disque xa funciona, e os gardas comentan que hai salmonada... Pero estes días, aínda coincidindo con mareas moi boas, non se colleu nada.  ¿Por qué? Pois aquí téde-la resposta:
Este sábado fomos a tropa para alá, e de tanto que mallamos todo o día en Chelo (e en menor medida na Insua), penso que se había algún salmón por alí xa quedaría  espantado  para o que resta de tempada, jeje… Ahí van as probas do delito:

A “piscina” de Chelo, coma sempre, moi concorrida

Un lucense espantando todo… jeje
Mallando a cebo no cabeceiro de Chelo

"Sol e sombra" (quisquilla viva con miñocas)
 
E veña a mallar…

Coma sempre, un dos mellores momentos do día…

A continuación,  vouvos amosar o noso lance máis repetido cando “pescamos” salmón a cebo, ahí vai a secuencia completa:

Pousando a quisquilla na tona da auga
Non pode ser… ¿xa enganchou?
Parece que sí…
¡Merdaaaaaaaaaaaa!
Resignación, outra vez a romper e montar de novo, puffff!

Así que xa sabedes: se ides ó Mandeo e mallades en Chelo e na Insua a dolor, e non bos pica nada de nada, que non vos conten milongas de que se vai o río moi baixo, se é que tiña que chover, se é que a lúa cadra mal… a verdadeira razón é que pasamos nós por alí, e cando nos poñemos a mallar somos peores que o cabalo de Atila. Avisados estades...

martes, 10 de mayo de 2011

A FALTA DE SALMÓN… ¡REAZO E TROITÓN!


Este fin de semana tocounos probar sorte co salmón. O escenario que nos deparou o sorteo este ano foi o lote 5 do coto de Abres, máis coñecido coma Louside na beira asturiana, o único acotado do río Eo no que quedaban permisos libres cando nos tocou pedir.
Chegamos ó río preto das oito da mañá, logo de dar unhas voltas ata atopa-lo límite entre os lotes 5 e 6 (Louside e Reiboa).  A sinalización dos tramos desde a estrada nacional é prácticamente nula, a excepción dos lotes de San Tirso pola beira asturiana, os cales están perfectamente sinalizados.
Cando chegamos a pé de río, a espesa néboa que nos acompañara durante a viaxe comezaba a levantar, a temperatura era boa e ameazaba con chover. Día raro, podía pasar calquera cousa…
Ás 8:00 din que pica o salmón, apresa a poñe-lo cucharillón!

Decidín face-los primeiros lances nesta corrente pouco fonda, por debaixo do pozo Reiboa, para estrea-la cana que acababa de adquirir, unha Abu Tournament Spin de 2,70 m e acción 15-45 gr, e irme afacendo a ela antes de probar sorte nun lance con mellor pinta salmoneira.


Ó segundo lance entrou esta troita, que non dubidou en ataca-lo cucharillón:

Seguín lanzando no mesmo sitio, a ver se hai máis… De repente, a cucharilla párase en seco, eu clavo, e sinto ó outro lado da liña un peixe de tamaño respetable que loita por quedarse pegado ás pedras do fondo. Moi pequeño para ser un salmón, moi grande para ser una troita, nada plateado para ser un reo… ¿será un zancado (pensei)...?
Logo dunha breve batalla, o peixe sucumbe ante a poderosa cana e o stradic 5000, armado con sedal do 0,30. Aproveitando que estaba nunha pequeña praia, saco o bicho a rastro e comprobo xunto a A-Moscón que se trata dunha troita, cousa que me alegra bastante:
Troitón que deu na báscula 1,050 kg

Eran as 8:30 h e xa estaba satisfeito, pagara a pena o madrugón e a viaxe. Ademáis, a sensación era de que estaba un día de pesca moi bo, e se había algún salmón por alí podería picar… Continuamos mallando despaciño tódalas posturas cara o límite inferior do coto, que en total ten só 600 metros de lonxitude.
Cando xa estabamos de volta, preto do mediodía, escóitanse una serie de berridos tipo: EEEEEEEH, EEEEEEEEEEEEEH, EEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEH!!!!!!!!!! e acto seguido outro máis intelixible: SACADERAAAAAA!!!!!!! Era Rooscoman, tiña un labanco enganchado, seguramente un salmón…
Eu tiro a cana e corro cara alí, cando chego xa está A-Moscón coa sacadeira nas mans, pero non o ten nada claro e pídeme que sexa eu o que lle meta a sacadeira ó peixe. Eu négome e torpemente busco a cámara no chaleco, mentres intento identifica-la silueta do labanco que se remexe na auga. Apenas consigo velo con claridade, pero calcúlolle sobre tres kilos, non é una troita… ¡ten que ser un salmón!

Pescador e gancheiro compenetráronse ben, e conseguiron botar a terra este fantástico exemplar de REO, que finalmente daría na báscula 2,300 kg.

 Foi una alegría para todos, xa que é o reo máis grande que colleramos nunca. Ademáis, A-Moscón quitouse una espiña que tiña clavada desde fai bastantes anos, desde un día no que non foi quen de botar a terra outro gran reo clavado por Rooscoman, iso si, aquel día non tiña sacadeira, e desta volta iamos preparados, jeje…

Así acabou a mañá. Logo de xantar e tras un chaparrón, preparámolas canas de cebo. Só nos faltaba o salmón, e se había algún tiñamos que sacalo.
A cebo en Reiboa

Rico, rico...

A cebo no pozo Louside

Pero non o había. De feito, ainda que a nós os pozos nos parecían bastante guapos, parece ser que ós salmóns non lles gustan tanto, e pasan por este coto sen parar nin a tomarse algo… O único que saiu pola tarde foi esta troita, outra vez co cucharillón:

Ó remata-la xornada fomos ó centro de precintaxe de Salmeán, onde nos enteramos que se colleran 5 salmóns no río, 3 deles no lote 2 da Pontenova (o cupo). Dase a casualidade que nós pescamos ese coto o ano pasado en maio (houbo potra no sorteo), e daquela case non había un puto salmón no río… manda carallo! Cando hai bo número no sorteo non hai salmón, e cando hai, non hai número… en fin, qué se lle vai facer. De tódolos xeitos, esta xornada foi sorprendentemente boa, nunca se sabe o que pode pasar nun destes cotos presuntamente “malos”…