Coma sempre por estas datas, os reos comezan a remonta-los nosos ríos con certa regularidade, aínda que este ano a ausencia de chuvias está pasando factura, e os cauces non teñen esa “chamada” que incita ás grandes entradas de reos. Aínda así, a contagotas vai entrando algún que outro reo, e alí estamos nós para mallar a dolor…
Madrugón dos bos, ás 5:50 h a pe de río en Ribeiras do Sor, marea das gordas e pleamar a esa hora. Amarro o Sor classic, fago cinco ou seis lances e cambio a rapala, demasiada luz para o risco… coma case sempre. Ó pouco de empezar co rapala sinto un toque seco, de reo seguro, pero non enganchou. Corazón acelerado, e seguín mallando ben co rapala os primeiros pozos, pero o único que saiu foi un reo enano, duns 25 cm.
O día non pintaba nada ben, o río baixa case seco, como nun agosto dun ano normal, e as pedras do fondo están todas cubertas de limo. Cada vez que o señuelo roza una pedra queda sucio e non traballa, e así é desesperante pescar.
As pedras do Sor non son desta cor...
O escaso caudal case obriga a meter cucharilla pequena, pero iso incita demasiado ás pequenas troitiñas que abundan no Sor, e persoalmente prefiro ser máis selectivo.
¿Non tiña por aquí unha ranger do 0?
Logo de cinco horas mallando, sen máis recompensa que algunas troitas cativas, decidín dar volta e ir baixando cara o coche, facendo algún que outro lance polo camiño, pero bastante desanimado xa.
Nunha destas, nunha postura que acababa de pescar facía escasamente unha hora, un reo perseguiu o meu rapala countdown de 5 cm e atacouno violentamente, dando comezo unha pelexa na que se defendeu con bravura, saltando ata catro veces fóra da auga para tratar de desprenderse do triple que o tiña prendido. Finalmente acabou na sacadeira, e logo de comprobar que daba a talla (37 cm) foi pra o cesto.
Finalmente a sorte púxose do meu lado, non é nada frecuente pescar un reo nestas condicións, co río tan baixo e a pleno sol, así que xa podía dar a xornada por boa.
Neste precioso pozo outro reo de tamaño similar perseguiu o rapala, pero a dous metros da beira deu volta (supoño que se daría conta da miña presencia), que é o que soe pasar… Atención ó alcolito que medrou na rocha da outra beira, una estampa curiosa que se pode ver en varios sitios deste río:
Pozo do Coutado
Aproveitando que enganchei na outra beira, crucei e saqueille esta foto á base do alcolito (Eucalyptus globulus), duns catro metros de altura, e o máis sorprendente, un pequeño carballo (Quercus robur) competindo co alcolito polo escaso sustrato, ¡manda carallo!
Medrando directamente da pedra
Os paseos polo Sor xa non son tan agradables como antes, nalgunhas zonas o camiño faise difícil, debido en parte á proliferación da Acacia melanoxylon, una auténtica plaga no río Sor desde fai uns cantos anos, e que vai a máis cada ano. Dentro de pouco non se vai poder nin andar, cómo se bota de menos ós anteriores gardarríos Rambo (agora no Xuvia) e Donato (xubilado), que se preocupaban de te-lo río practicable.
¿Onde está o camiño?
Unha cousa curiosa desta especie de acacias é que presenta dimorfismo foliar, ou sexa que ten follas de dous tipos diferentes:
Exemplar novo de Acacia melanoxylon, unha puta plaga
Despois deste rollo botánico imos ó que importa. Roscoman e A-Moscón chegaron a tempo para riscar un pouco á noitiña, e non nos foi mal de todo. A-Moscón e colleu un co rapala e eu collín outro co risco, comprobando así a efectividade do modelo “Sor classic”. Roscoman non colleu nada, porque el só pilla labancos, e deses non había ningún…
Pero diso non hai fotos, porque a esa hora non hai tempo que perder, e ademais co flash pódese espantar todo.
Resumindo: tivemos bastante sorte, hai poucos reos, río baixo e feo para pescar… pero aínda así ímoslle mallar duro nos próximos días, eche o que ten esta enfermidade...
O primeiro de A-Moscón
Moita sorte a tódolos “enfermos” que o intentedes próximamente, e se tedes ocasión e os gardas volo permiten, guiade as capturas e así entretémonos coas estadísticas.
Sorte este fin de semana,eu a este paso non lle collerei ningun... desde casa non pican.
ResponderEliminarEsto que vou recoñecer aquí, non se pode facer en calquera sitio...porque te miran mal...je,je,je
ResponderEliminarA min, "canto máis difíciles estan os reos, máis me apasiona a sua pesca"...como ven dis, e o que ten esta enfermidade.
Saudos e quedo pendiente do que fagades!!
Pescalos no Sor non é tarefa facil, e a rapala como non sexa a primeira ou ultima hora é moi dificil, a min este río desesperame, o ano pasado non o psquei nada pero este intentarei acercarme nalgunha ocasión. Noraboa pola peza xa empezamola festa!! saudos
ResponderEliminarMoitos ríos teñen as pedran cheas de limo ou vexetación, por mor do baixo caudal. É unha mágoa, pero de vez en cando hai algún verán seco de máis.
ResponderEliminarVexo que controlas de botánica, pero direiche que o que ocorre coa acacia melanoxylon, é que o peciolo de folla, comeza a planificarse, da base ata a punta, uqedando falsas follas con función fotosintética, coma ocorre cos alcolitos.
E as acacias dealbatas tamén son unha praga de coidado, pero máis agradable á vista cando están coa flor.
No caso do alcolito e o roble, direiche que o alcolito é o campión dentro da competitividade, no que a medrar se refire. Pero está claro que cando acade algo de porte, este caerá, salvo que sexa capaz de abrir unha boa fenda na rocha.
A ver se os reos van facendo acto de presencia pouco a pouco, para así pooder sacar algún.
Saúdos.
Gracias polos vosos comentarios.
ResponderEliminarCarlos e Pablo, a min os reos parécenme difíciles case sempre, por moi ben que se pesque penso que hai que ter sempre un punto de sorte.
Jose tes toda a razón, o da Acacia melanoxylon non son follas senon filodios, producto da transformación das follas propiamente ditas, desaparecendo o limbo e desenrolándose o peciolo.
Está claro que os alcolitos son grandes competidores, sobre todo pola luz, pero nas ribeiras do río Sor as campionísimas son as acacias. O seu poder colonizador é aplastante, extendéndose pola zona a gran velocidade, en detrimento da vexetación de ribeira autóctona.
Saúdos a todos