Este fin de semana tocounos probar sorte co salmón. O escenario que nos deparou o sorteo este ano foi o lote 5 do coto de Abres, máis coñecido coma Louside na beira asturiana, o único acotado do río Eo no que quedaban permisos libres cando nos tocou pedir.
Chegamos ó río preto das oito da mañá, logo de dar unhas voltas ata atopa-lo límite entre os lotes 5 e 6 (Louside e Reiboa). A sinalización dos tramos desde a estrada nacional é prácticamente nula, a excepción dos lotes de San Tirso pola beira asturiana, os cales están perfectamente sinalizados.
Cando chegamos a pé de río, a espesa néboa que nos acompañara durante a viaxe comezaba a levantar, a temperatura era boa e ameazaba con chover. Día raro, podía pasar calquera cousa…
Ás 8:00 din que pica o salmón, apresa a poñe-lo cucharillón!
Decidín face-los primeiros lances nesta corrente pouco fonda, por debaixo do pozo Reiboa, para estrea-la cana que acababa de adquirir, unha Abu Tournament Spin de 2,70 m e acción 15-45 gr, e irme afacendo a ela antes de probar sorte nun lance con mellor pinta salmoneira.
Ó segundo lance entrou esta troita, que non dubidou en ataca-lo cucharillón:
Seguín lanzando no mesmo sitio, a ver se hai máis… De repente, a cucharilla párase en seco, eu clavo, e sinto ó outro lado da liña un peixe de tamaño respetable que loita por quedarse pegado ás pedras do fondo. Moi pequeño para ser un salmón, moi grande para ser una troita, nada plateado para ser un reo… ¿será un zancado (pensei)...?
Logo dunha breve batalla, o peixe sucumbe ante a poderosa cana e o stradic 5000, armado con sedal do 0,30. Aproveitando que estaba nunha pequeña praia, saco o bicho a rastro e comprobo xunto a A-Moscón que se trata dunha troita, cousa que me alegra bastante:
Troitón que deu na báscula 1,050 kg
Eran as 8:30 h e xa estaba satisfeito, pagara a pena o madrugón e a viaxe. Ademáis, a sensación era de que estaba un día de pesca moi bo, e se había algún salmón por alí podería picar… Continuamos mallando despaciño tódalas posturas cara o límite inferior do coto, que en total ten só 600 metros de lonxitude.
Cando xa estabamos de volta, preto do mediodía, escóitanse una serie de berridos tipo: EEEEEEEH, EEEEEEEEEEEEEH, EEEEEEEEEEEEEEEEEEEEEH!!!!!!!!!! e acto seguido outro máis intelixible: SACADERAAAAAA!!!!!!! Era Rooscoman, tiña un labanco enganchado, seguramente un salmón…
Eu tiro a cana e corro cara alí, cando chego xa está A-Moscón coa sacadeira nas mans, pero non o ten nada claro e pídeme que sexa eu o que lle meta a sacadeira ó peixe. Eu négome e torpemente busco a cámara no chaleco, mentres intento identifica-la silueta do labanco que se remexe na auga. Apenas consigo velo con claridade, pero calcúlolle sobre tres kilos, non é una troita… ¡ten que ser un salmón!
Pescador e gancheiro compenetráronse ben, e conseguiron botar a terra este fantástico exemplar de REO, que finalmente daría na báscula 2,300 kg.
Foi una alegría para todos, xa que é o reo máis grande que colleramos nunca. Ademáis, A-Moscón quitouse una espiña que tiña clavada desde fai bastantes anos, desde un día no que non foi quen de botar a terra outro gran reo clavado por Rooscoman, iso si, aquel día non tiña sacadeira, e desta volta iamos preparados, jeje…
Así acabou a mañá. Logo de xantar e tras un chaparrón, preparámolas canas de cebo. Só nos faltaba o salmón, e se había algún tiñamos que sacalo.
A cebo en Reiboa
Rico, rico...
A cebo no pozo Louside
Pero non o había. De feito, ainda que a nós os pozos nos parecían bastante guapos, parece ser que ós salmóns non lles gustan tanto, e pasan por este coto sen parar nin a tomarse algo… O único que saiu pola tarde foi esta troita, outra vez co cucharillón:
Ó remata-la xornada fomos ó centro de precintaxe de Salmeán, onde nos enteramos que se colleran 5 salmóns no río, 3 deles no lote 2 da Pontenova (o cupo). Dase a casualidade que nós pescamos ese coto o ano pasado en maio (houbo potra no sorteo), e daquela case non había un puto salmón no río… manda carallo! Cando hai bo número no sorteo non hai salmón, e cando hai, non hai número… en fin, qué se lle vai facer. De tódolos xeitos, esta xornada foi sorprendentemente boa, nunca se sabe o que pode pasar nun destes cotos presuntamente “malos”…











